PROPOSTAS EXPOSITIVAS DO CENTENARIO DE EUGENIO GRANELLculturagalega.gal/imaxes/docs/Dossier...
Transcript of PROPOSTAS EXPOSITIVAS DO CENTENARIO DE EUGENIO GRANELLculturagalega.gal/imaxes/docs/Dossier...
PROPOSTAS EXPOSITIVAS DO CENTENARIO DE EUGENIO GRANELL
Dossier de prensa. Fundación Eugenio Granell.
1
INTRODUCIÓN
A Fundación Eugenio Granell celebra
este ano 2012 o centenario do
nacemento de Eugenio Fernández
Granell. O artista nunca esqueceu a
cidade de Santiago de Compostela, e,
por iso, a súa Fundación celebra este
evento mostrando a súa obra e tamén
o importante e rico legado que forma
os fondos da Fundación, en diferentes
sedes culturais da cidade; un proxecto
que conseguiu involucrar as principais
institucións culturais de Galicia e da
cidade de Santiago de Compostela.
2
FUNDACIÓN CIDADE DA CULTURA
O encontro na poética de
Eugenio Granell.
Comisarios: Natalia Fernández Segarra
e Eduardo López Valiña.
19 xuño – 2 decembro, 2012.
O "encontro" é o punto de partida
desta mostra multidisciplinar, na que se
inclúen óleos, debuxos, construcións ou
guaches, todos eles realizados por
Eugenio Granell. O encontro
convértese nun feito transcendente,
vinculado ao universo creativo, e
relacionado co doloroso acto de
enfrontarse á obra.
Partindo deste concepto, a exposición
formúlase como un xogo co
espectador, que, nun percorrido
pensado no exercicio da observación e
reflexión, se vai topando con diferentes
elementos que foron por un lado o
resultado dun encontro, e por outro o
detonador do acto creativo.
MUSEO DO POBO GALEGO
A colección étnica de Eugenio
Granell.
Comisaria: Natalia Fernández Segarra.
21 xuño – 2 setembro, 2012.
Esta exposición recolle as obras máis
representativas da colección étnica de
Eugenio Granell, quen, como moitos
dos seus compañeiros surrealistas,
compartía coas culturas étnicas unha
percepción similar do obxecto.
As culturas étnicas atribúen aos
obxectos un espírito propio. As
máscaras, esculturas e outros obxectos
personifican espíritos que durante os
rituais posúen unha grande
importancia, transformando o individuo
que os porta.
Para os surrealistas, a habilidade dun
obxecto de evocar imaxes mentais e, a
través delas, emocións poderosas,
dotan ao obxecto do marabilloso.
3
FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL
O surrealismo hoxe.
Comisaria: Natalia Fernández Segarra.
28 xuño – 31 outobro, 2012.
O Pazo de Bendaña, sede da
Fundación Eugenio Granell, acolle a
exposición El surrealismo hoxe que, de
xeito cronolóxico, mostra a traxectoria
artística de Eugenio Granell
centrándose na súa faceta de pintor.
Deste modo, preséntanse os fitos
fundamentais do seu desenvolvemento
artístico, como a introdución ao mundo
do surrealismo e a relación de amizade
e influencia recíproca que estableceu
cos artistas que coñeceu tanto nos
distintos países que o acolleron no seu
exilio como na súa volta a España. A
exposición reúne tamén pezas clave
da obra doutros artistas que seguen
mantendo vivo o movemento
surrealista.
AUDITORIO DE GALICIA
Eugenio Granell no paraíso
centroamericano 1940-1956.
Comisaria: Pilar Corredoira.
19 xullo – 4 novembro, 2012.
É na súa etapa centroamericana,
comprendida entre os anos 1940 e
1956, cando o Eugenio Granell se
interna con decisión nos espazos do
surrealismo e configura con
determinación a súa personalidade
creativa.
A través da súa produción artística
deste período, realizada en República
Dominicana, Guatemala e Puerto Rico,
revisitamos a esencia dun labor
influenciado pola súa fascinación polas
illas: Granell pinta con intensidade,
animado polas extraordinarias
experiencias visuais, o clima excesivo e
as culturas ancestrais do trópico. Son
momentos brillantes, fecundos e
fundamentais, que sinalarán o inicio do
seu traxecto como artista e a
conversión ao surrealismo, cambiando
radicalmente a forma de ver o mundo.
4
NOVACAIXAGALICIA
O espello do pintor. Eugenio
Granell nas coleccións
institucionais galegas.
Comisaria: Támmara Bescansa.
5 xullo– 16 setembro, 2012.
Con esta exposición, Novacaixagalicia
invítanos de novo a somerxernos no
orixinal mundo de Granell e, a través do
seu espírito transgresor, a abrir a porta a
unha mirada diferente para descubrir a
forza liberadora que representa o
surrealismo e a súa universalidade.
Para iso, a mostra recolle a produción
de Granell pertencente a distintas
coleccións institucionais galegas, como
son as de Novagalicia Banco,
Deputación Provincial da Coruña,
Museo de Pontevedra, Consorcio de
Santiago, Fundación María José Jove,
Museo Gas Natural Fenosa, Xunta de
Galicia, Museo de Belas Artes da
Coruña e a do Museo de Arte
Contemporánea Carlos Maside.
CENTRO GALEGO DE ARTE
CONTEMPORÁNEA
Eugenio Granell. Unha película
de vinte minutos.
Comisario: Eduardo López Valiña.
13 xullo– 4 novembro, 2012.
Eugenio Granell. Unha película de vinte
minutos ofrece unha visión global das
diferentes facetas dun creador e
intelectual completo. Esta mostra
presenta un artista multidisciplinar, que
ademais da súa coñecida obra
pictórica e poética, investiga e traballa
coa imaxe, tanto en cine coma en
fotografía.
A exposición presenta, ademais das seis
obras cinematográficas de Granell,
obxectos persoais, gravacións
domésticas, documentos gráficos e as
diferentes referencias bibliográficas que
dan conta do seu labor como crítico
cinematográfico.
Encontrámonos coa produción máis
descoñecida de Granell, non por iso
menos relevante, cunha gran carga de
experimentación e innovación.
5
FICHA TÉCNICA DA FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL
PADROADO
Presidentes
Eugenio Fernández Granell (1912-2001)
Ángel Currás Fernández (Alcalde Concello de Santiago de Compostela)
Elton Anglada Segarra
Vogais
Amparo Segarra Vicente (1915-2007).
Isaac Díaz Pardo (1920-2012).
Francisco Javier Noya Iglesias. Concello de Santiago de Compostela.
Mariel Padín Fernández. Diputación de A Coruña.
Daniel Alonso Fernández.
Isaac Díaz Pardo.
Lucía García de Carpi.
José Blanco Fondevila.
Francisco Constenla Acasuso.
Mercedes Rosón Ferreiro.
Mª de los Ángeles Antón Villasánchez. Consorcio da Cidade de Santiago.
Jesús Vázquez Abad. Xunta de Galicia.
Alexander Weiss.
Natalia Fernández Segarra.
DIRECTORA E SECRETARIA
Natalia Fernández Segarra.
PATROCINADORES
Concello de Santiago de Compostela.
Consorcio da Cidade de Santiago.
Diputación da Coruña.
Conselleria de Cultura e Turismo. Xunta de Galicia.
COLABORAN
AGADIC. Xunta de Galicia
Fundación Cidade da Cultura.
6
A FUNDACIÓN EUGENIO GRANELL
Con sede no Pazo de Bendaña, e tras a
sinatura dun convenio entre o Concello
de Santiago e o artista Eugenio Granell,
constitúese, no ano 1995, a Fundación
Eugenio Granell, con carácter privado
e permanente, con consideración de
fundación de interese galego. Como
sinalan os seus estatutos fundacionais,
os seus fins primordiais son:
- A creación e o mantemento dun
Museo Eugenio Granell na cidade de
Santiago.
- O fomento do estudo e da difusión
do conxunto da obra de creación de
Eugenio Granell.
- O fomento da investigación, o estudo
e a difusión de todas as
manifestacións artísticas do
movemento surrealista e doutras
correntes afíns.
- O fomento, a investigación e o
estudo de manifestacións artísticas
étnicas.
- Tamén poderá promover e participar
no fomento e na difusión de calquera
outra manifestación cultural.
Dende os seus inicios, a Fundación está
a levar a cabo unha intensa actividade
que se pon de manifesto no programa
de exposicións que se ofrece ao longo
de todo o ano. Exposicións que
mostran nas nosas salas as diferentes
coleccións e, de xeito permanente, a
obra de Granell nas súas distintas
facetas, abordando aspectos
especialmente relevantes da súa
produción artística e, ademais,
exposicións temporais de coñecidos
artistas internacionais. Pasaron polas
nosas salas artistas como Man Ray, Max
Ernst, Esteban Francés, Gordon Onslow
Ford, Xesús Carballido, Paco Pestana,
etc.
A Fundación Eugenio Granell tamén se
propuxo achegarlles os fondos da
colección, o surrealismo, e o mundo da
arte en xeral, aos máis pequenos e aos
mozos. A área de didáctica do museo
organiza, con este fin, unha serie de
actividades, entre as que poden
destacarse visitas guiadas e talleres
destinados a nenos, mozos, adultos, así
como a todo tipo de institucións que o
soliciten.
Outro dos propósitos da Fundación
Eugenio Granell é o de converterse nun
centro aberto á creación cultural e á
participación cidadá, no que ten
cabida todo tipo de manifestacións
socioculturais. Con esta finalidade, a
Fundación organiza e coordina un
amplo programa de actividades, entre
as que podemos destacar: concertos,
ciclos de cinema, teatro, poesía,
maratóns de lectura, presentacións de
libros, performances, etc.
7
COLECCIÓNS E FONDOS BIBLIOGRÁFICOS DO MUSEO GRANELL
Os fondos museográficos que alberga
a Fundación Eugenio Granell están
formados por catro coleccións cun
volúmen aproximado actual de 4.000
obras (tras a última doazón en 2007
dunhas 2.348 pezas por parte da familia
Granell).
Ademais da obra de Granell, a
Fundación alberga unha amplísima
colección de creacións de
renomeados artistas surrealistas de todo
o mundo, como Bretón, Duchamp,
Man Ray, Wilfredo Lam, Cesariny ou
Creuceiro; e de artistas surrealistas
galegos como Lugrís, Mario Granell ou
Maruja Mallo.
Do mesmo modo, forman parte dos
seus fondos unha importante colección
de arte étnica, constituída por
obxectos procedentes de Europa, Asia,
África e América, que Granell foi
adquirindo ao longo de toda a súa
vida; e a colección do artista surrealista
inglés Philip West que, falecido en 1997,
lle cedeu a súa obra e a súa valiosa
biblioteca de surrealismo á Fundación.
En canto aos seus fondos bibliográficos,
a Fundación conta, por un lado, coa
Bibloteca Granell, que consta dunha
colección de máis de 15.000 volumes
que o artista recompilou ao longo da
súa vida e que levou sempre consigo
no seu periplo vital. É unha biblioteca
profesional, práctica e universalista,
espello dos intereses de Granell. Os
temas principais da biblioteca son:
Surrealismo, Guerra Civil, Artes e afíns,
Literatura, Etnografía e antropoloxía,
Psicoloxía, Socioloxía. Hai outros temas
interesantes e relevantes neste fondo,
como son historia, relixión, filosofía,
tauromaquia, alquimia e ciencias
ocultas.
Por outro lado, a Biblioteca Museo, cun
total de 5.387 volumes rexistrados, entre
os que se encontra o legado
bibliográfico de Philip West.
8
BIOGRAFÍA DE EUGENIO GRANELL
Eugenio Fernández Granell naceu na
Coruña en 1912. A súa infancia
desenvolveuse en Santiago de
Compostela, onde estudou
bacharelato e comezou os seus
estudos musicais.
En 1928, trasladouse a Madrid onde
continuou os seus estudos de violín na
Escola Superior de Música cunha bolsa
da Deputación da Coruña. Foi alumno
de Antonio Fernández Bordás e
coñeceu o compositor e director de
orquestra Enrique Casal Chapí quen,
coma el, asistía aos diferentes
faladoiros políticos e literarios en
Madrid. Nestes faladoiros, moitos deles
en La Granja El Henar, reuniuse cos
irmáns Dieste, Carlos Gúrmendez,
Santiago Arbós Ballesté e Urbano Lugrís.
Manifesta o seu interese pola política e
ingresa na Oposición de Esquerda e en
1935 no POUM (Partido Obreiro de
Unificación Marxista), liderado por
Andrés Nin e Joaquín Maurín.
Co estalido da Guerra Civil, en 1936,
incorporouse ás milicias republicanas,
dirixiu o xornal El Combatiente Rojo e
colaborou con outros xornais como La
Nueva Era, Hora de España e o diario
La Batalla.
En 1939, iniciou o seu exilio. Saíu de
España por Prats de Molló e, despois de
percorrer diversos campos de
concentración en Francia, conseguiu
escapar e chegou a París, onde se
volveu atopar con Benxamín Péret e
Wifredo Lam. De París partiu a Bordeos
e embarcou dende alí rumbo a Chile. A
negativa deste país a acoller máis
republicanos españois fai que Granell e
a súa futura esposa, Amparo, arriben á
República Dominicana, instalándose
primeiro en Dajabón e logo na súa
capital, Ciudad Trujillo. Granell entrará
a formar parte, como primeiro violín, da
Orquestra Sinfónica fundada por Casal
Chapí. Vaise integrando no ambiente
cultural dominicano e asóciase ao
grupo literario de vangarda a través de
La Poesía Sorprendida, revista que crea
xunto a Alberto Baeza Flores, na que
participan, entre outros, Juan Ramón
Jiménez, Jorge Guillén e Pedro Salinas,
así como moitos poetas dominicanos.
9
Granell iniciou a súa vida como pintor
na República Dominicana e un
acontecemento decisivo levouno a
comprometerse co surrealismo cara ao
ano 1941, cando André Breton chega
da Martinica, acompañado pola súa
esposa Jacqueline e a súa filla Aube,
Pierre Mabille, Victor Serge e o seu fillo
Vlady e a escritora Anna Seghers,
fuxindo da contenda europea. Granell
entrevistou para o xornal La Nación a
Breton, Mabille e Victor Serge. A
amizade con estas tres persoas
mantívose toda a vida.
A súa primeira exposición colectiva tivo
lugar en 1943 na Galería Nacional de
Belas Artes. A esta seguiralle unha
segunda no Ateneo Dominicano e
unha individual, na que presenta ao
redor de duascentas obras, na Galería
Nacional de Belas Artes de Santo
Domingo.
En 1946, despois de negarse a asinar
unha carta de adhesión ao réxime do
ditador Trujillo, Eugenio Granell e a súa
familia trasladáronse a Guatemala. Alí
ingresou como profesor na Escola de
Artes Plásticas e mantivo unha intensa
actividade cultural; colaborou na
Radio Nacional de Guatemala,
publicou artigos nas revistas Plástica e
Revista de Guatemala, participou na
creación da Asociación Guatemalteca
de Escritores e Artistas Revolucionarios
(AGEAR).
En 1947, coa exposición Le Surréalisme,
na galería Maeght de París, organizada
por André Breton e Marcel Duchamp,
integrouse activamente no movemento
surrealista.
Tras o estalido da revolución
guatemalteca e escapando da
persecución stalinista da que é
obxecto, Granell e a súa familia
trasladáronse a Porto Rico, onde
ocupou a cátedra de Historia da Arte
na Facultade de Humanidades, sendo
reitor Jaime Benítez. Publicou nestes
anos Illa Cofre Mítico e participou en
diferentes exposicións colectivas na
universidade portorriqueña. Xunto cun
grupo de estudantes, algúns dos cales
contribuíron á formación da arte
portorriqueña actual, creou El Mirador
Azul. Tivo ocasión de realizar diversas
viaxes. Viaxou a Nova York co pintor
Vela Zanetti, amigo ao
10
que coñeceu durante o seu exilio na
República Dominicana, e alí entrou en
contacto con Marcel Duchamp.
Viaxou tamén a París, onde expuxo na
Galería L'Etoile Scellée e colaborou co
grupo surrealista.
En 1957, a Fundación William e Norma
Copley de Nova York concedeulle o
premio de pintura, cando eran
directores da Fundación Marcel
Duchamp e Darius Milhaud e
conselleiros desta Jean Arp, Alfred Barr,
Max Ernst, Julien Levy, Roberto Matta,
Roland Penrose, Man Ray e Herbert
Read. Continúa, ademais, coa súa
actividade literaria e publica ese
mesmo ano en México La novela del
indio Tupinamba.
En 1958, trasladouse a Nova York e
ingresou máis adiante como
catedrático de Literatura Española no
Brooklyn College de Nova York. Tras
estudar Socioloxía na New School for
Social Research, publicou en 1967 a súa
tese de doutoramento Sociological
Perspectives of Guernica. A esta
seguenlle outras publicacións El Clavo,
Lo que sucedió... (premio de novela
Don Quijote en México), Federica no
era tonta y otros cuentos, La leyenda
de Lorca y otros escritos.
No ano 1962, incorporouse ao grupo
surrealista Phases de París, dirixido por
Eduard Jaguer e realizou numerosas
exposicións colectivas por todo o
mundo.
A partir de 1985, instalouse
definitivamente en España. Recibiu
numerosos premios: Artes Plásticas da
Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias
das Artes, Medalla Unión Fenosa,
Medalla de Ouro de Belas Artes,
outorgada polo Consello de Ministros,
Gerión'99 concedido por O Punto das
Artes, Medalla de Ouro do Círculo de
Belas Artes.
En 1997, foi nomeado fillo adoptivo da
cidade de Santiago de Compostela e
concedéuselle a Medalla de Ouro ao
Mérito Cultural da devandita cidade.
Eugenio Fernández Granell faleceu en
Madrid en outubro de 2001. A Xunta de
Galicia concedeulle, no mes de xullo, a
título póstumo a Medalla de Ouro de
Galicia 2001, pola súa traxectoria no
mundo das artes.