CASTELAO SEMPRE

35
Mª Carmen Suárez Mª Carmen Gasamáns UNIDADE DIDÁCTICA Que acompaña ao espectáculo teatral presentado pola compañía “Espello Cóncavo” e co-producido pola Asociación Sócio-Pedagóxica 1

Transcript of CASTELAO SEMPRE

Page 1: CASTELAO SEMPRE

Mª Carmen SuárezMª Carmen Gasamáns

UNIDADE DIDÁCTICAQue acompaña ao espectáculo teatral presentado pola compañía

“Espello Cóncavo” e co-producido pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega

(Pre-edición)

1

Page 2: CASTELAO SEMPRE

ÍNDICE

1. ¿Como é a obra Castelao Sempre?2. ¿Que pretendemos con esta proposta de actividades?3. ¿Que vos propoñemos para antes de ver a obra?

A) Actividades para unha ou dúas sesións.B) Outras actividades.

4. Proposta de lecturas para os diferentes niveis da ESO5. Comentarios dalgúns textos literarios que aparecen representación teatral.6. Avaliación da actividade.

A) IndividualB) Do grupo.C) Da proposta de actividades.

7.- Anexo I: Guía para desenvolver o tema8.- Anexo II: Ficha de traballo sobre a representación teatral9.- Anexo III: Cronoloxía10.- Bibliografía

2

Page 3: CASTELAO SEMPRE

1. ¿Como é a obra Castelao Sempre?Como todos sabedes o sete de xaneiro deste ano 2000 celebramos o cincuenta

aniversario do pasamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao na cidade de Bos Aires. É este un bo momento para reflexionar sobre a importancia que esta figura ten para todos nós e transmitirlles aos nosos alumnos e alumnas parte das súas ensinanzas e facilitarlles o contacto directo coa súa obra que é a mellor homenaxe que se lle pode facer a un autor.

A representación teatral Castelao sempre segue a vida de Castelao, pero dunha maneira orixinal que axuda a coñecer ao mesmo tempo a súa obra xa que nela aparecen personaxes, textos narrativos escenificados, fragmentos do Sempre en Galiza e de Os Vellos non deben de namorarse así como referencias a outras obras narrativas e á súa producción plástica.

Como co-protagonista da obra figura o personaxe da Marquesiña, quen acompaña a Castelao nunha rememoración da súa vida. Na obra vanse mencionando unha serie de datas, ordenadas cronoloxicamente, importantes na vida de Castelao e na historia do país. É nesa estructura marcada polas datas onde os textos de Castelao cobran protagonismo.

2. ¿Que pretendemos con esta proposta de actividades?

Estas actividades están destinadas, por un lado, a que o alumnado que vaia presenciar a representación teatral entenda as referencias tanto históricas como literarias da mesma e, por outro, aproveitar a oportunidade que esta representación nos ofrece para traballar dun xeito máis atractivo tanto o contexto histórico do primeiro tercio do século XX como a figura de Castelao.

Por suposto, o ideal é realizar estas actividades ao redor da data da vosa asistencia á representación teatral, pero poden ser utilizadas en calquera momento do curso que consideredes oportuno.

En coherencia coa proposta da obra de teatro CASTELAO SEMPRE, partimos do presuposto de que o importante é que o alumnado teña un contacto directo cos textos e coa obra gráfica de Castelao, xa que a lectura de textos dos clásicos é unha actividade fundamental para o ensino da lingua e a literatura.

Para facilitar o seguimento desta unidade partimos da utilización de materiais 3

Page 4: CASTELAO SEMPRE

publicados de fácil acceso e sobradamente coñecidos polo profesorado.A nosa proposta serve, coas adaptacións oportunas, para todos os niveis de

ensino secundario obrigatorio e para o bacharelato. Por este motivo cada grupo de actividades contén propostas de diferente dificultade e profundidade.

Canto á extensión pensamos que como mínimo sería conveniente unha sesión antes de acudir á representación co fin de tratar o contexto histórico e algúns textos literarios e outra despois para extraer conclusións e facer unha avaliación da experiencia. Por isto propoñemos unhas “Actividades mínimas” pensadas para dous periodos lectivos e outras, baixo o epígrafe de “Para profundizar”, que se poderían desenvolver en sesións sucesivas.

O noso obxectivo é despertar o interese do alumnado por coñecer a figura e a mensaxe de Castelao e reflexionar sobre a súa actualidade.

3 ¿Que vos propoñemos para antes de ver a obra?

Se queremos que a representación sexa entendida polo alumnado temos que facer fincapé no aspecto no que acostuma a ter máis dificultades, é dicir, o contexto histórico, social e literario: É importante situar o autor no seu tempo e relacionar os acontecementos históricos coas produccións literarias.

Materiais e metodoloxíaDadas as características da obra teatral que van presenciar, onde o protagonismo

reside nos propios textos de Castelao, consideramos indispensable que o alumnado coñeza ao mesmo tempo os acontecementos históricos e as produccións do autor. Para que o alumnado manexe a obra impresa de Castelao sería coveniente usar todos os textos que teñades no centro, por este motivo, propoñémosvos que a primeira sesión a fagades na Biblioteca. Os alumnos e as alumnas sentaranse en grupos de traballo de maneira que todos os grupos teñan material suficiente.

O material de consulta posible sería o que aparece na bibliografía. Non obstante, tendo en conta as referencias que aparecen na obra de teatro é conveniente dispoñer dos seguintes textos:

Obra narrativa de Castelao de diferentes editoriais Álbumes de Cousas da vida, Álbum Nós, Atila en Galicia, Galicia Mártir, Edición facsímil de A Nosa Terra.

4

Page 5: CASTELAO SEMPRE

Edición facsímil da Revista Nós. Gran Enciclopedia Gallega. Especiais de A Nosa Terra de Castelao e Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo,

Risco. Historia da Literatura Galega da AS-PG/ANT. Historia Xeral de Galicia. Ensino da Língua: Por un cámbio de rumo. Introdución teórica e unidades

didácticas. Libros de texto.

A obra gráfica de Castelao axudaranos a explicar o contexto histórico, despertando e mantendo o interese do alumnado ao longo da sesión e fixando certos conceptos históricos importantes. Por iso, é conveniente dispoñer dun proxector de opacos, un retroproxector ou no seu defecto facer circular polas mesas os libros ou/e as láminas de que dispoñades.

Propoñémosvos traballar a partir dunha ficha que podedes atopar como ANEXO 1 desta proposta de actividades, na que figura un esquema dos principais termos e conceptos que deben manexar os alumnos e alumnas.

Para cada apartado da ficha propoñemos unha metodoloxía e unhas actividades determinadas, a fin de que poida ser utilizada en todos os niveis. Segundo o tempo de que dispoñamos podedes acollervos só ás “Actividades mínimas” ou acudir ás de “Para profundizar“.

Comezamos coa avaliación inicial: ¿Que saben de Castelao? Por medio de preguntas axudarémolos a lembrarse de textos lidos ou comentados na clase este curso ou os cursos anteriores, de conceptos estudiados que teñan relación coa época histórica, coa historia da literatura ou coa historia da lingua, dalgunha noticia de actualidade... Despois de averiguar os coñecementos previos que posúen, completaremos os mesmos con aqueles que consideramos que necesitan saber para entender a obra. Para isto seguimos o esquema do ANEXO 1.

1. Daniel Castelao

Actividades mínimas

Non insistiremos en cuestións biográficas porque van aparecer na obra, pero recomendámosvos “O cartel de cego” de Díaz Pardo de Ediciós do Castro, e en todo

5

Page 6: CASTELAO SEMPRE

caso, podedes usar as referencias que se mencionan no ANEXO III.Proxéctanse algunhas das fotografías da vida de Castelao que aparecen entre

outros libros no Especial de A Nosa Terra, que normalmente traen un pé de foto explicativo.

O alumnado cumprimentará os apartados correspondentes á producción do autor e lerase “Chámanlle a Marquesiña” Cousas (ver proposta de actividade no COMENTARIO 1.

Para profundizar

1.1. Obra narrativa:Irán cubrindo a ficha cos textos que teñen nas mesas; ese material ten que circular

por toda a clase. Como indicamos ao comezo desta proposta a diferencia de niveis virá dada polo que esixamos nós como resposta (máis completa, con datas de edición, contido de cada libro...) segundo os coñecementos que xa posúa o alumnado. Nesta altura voltamos a insistir en que o que nos interesa é o contacto directo coas obras de Castelao. Facemos unha posta en común para comprobar que as respostas son as correctas. Aproveitamos esta actividade de grupo para escoitar algún resumo de alguén que lera algún dos libros, etc ...

Para traballar este apartado propoñemos a lectura e comentario de Retrincos, segundo figura nos COMENTARIOS 6, 7 e 8 das páxinas seguintes. Podemos aproveitar a lectura de “O Retrato” para introducir o apartado seguinte.

1.2. Obra gráfica:É conveniente ver algunas das láminas de Cincuenta homes por dez reás porque

moitos destes personaxes van aparecer na obra de teatro. O ideal sería que puidesen ver tamén Cousas da vida.

Como actividade relacionada coa obra gráfica propoñemos seleccionar algunhas das estampas que máis lles interesen para logo amplialas a tamaño cartolina, por exemplo, e facer unha pequena exposición no centro. O mesmo se podería facer con moitas das portadas dos libros deseñadas polo propio Castelao. Acompañando as portadas pode seleccionarse un fragmento do libro ou facer un breve resumo do mesmo.

Por último propoñemos a lectura e comentario do fragmento da conferencia AHumorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura A que aparece na obra de teatro:

6

Page 7: CASTELAO SEMPRE

“Na miña primeira mocedade, dina da “A casa da Troya”, cando a miña ialma sofría de xarampón, e non pensaba mais que en sair de tuno tocando a guitarra polas ruas, fixen os primeiros dibuxos humorísticos nunha revista para ”americanos”.

Acúsome de ser eu quen deu empezo a isas caratoñas porcas, a ises monicreques noxentos, a ise humorismo de taberna que aínda hoxe campa na mesma revista pra regalía dos Licenciados de Universidade. Abafado de vergonza confésome culpable e renego da miña primeira mocedade. (...)Polo que vai dito parece que eu non son amigo de rir, e trabucado estará quen tal pense. Eu ben quixera que o meu ente rise con esa risa dos meniños, dos bos, dos sans e dos felices; mais como humorista galego, fondamente e sinceramente galego, teño que afogar as miñas risas diante dunha Verdade que chora. Eu ben quixera, ben, poder decir con Victor Hugo:

“Soyons joyeux, Dieu le désire La joie aux hommes attendris. Montre ses dentes, et semble dire: Moi que pourrai mordre, je ris (...)”

Mais o meu galeguismo estame sempre dicindo á orella: Ti, que podías rir; morde (...)Pra rematar direivos que cando poida pintarei as sinfonías da nosa paisaxe e se teño vida morrerei sendo paisaxista. Moitas gracias”.

1.3. Autor Teatral:Remitímosvos aos COMENTARIOS 3 e 11 que aparecen nas páxinas seguintes.

1.4. Obra ensaística: Preferimos traballar os textos de Sempre en Galiza que aparecen na obra teatral

nos apartados desta ficha cos que o texto seleccionado se relacione. Como introducción propoñemos a lectura dun fragmento presente na obra de teatro:

“Estou lonxe da miña terra, en Badajoz. Cóbreme un inmenso fanal azul. Atópome na torre de “Espanta Perros” e vexo dende aquí as ruas ensarilladas da cidade. Unha cigoña lanzal vixía no borde do seu niño e as pombas bravas chían no ar.(...)Lémbrome de algúns galegos que viven para o seu bandullo, porque son ben asisados e non sofren as inquedanzas dos demais. (...)Parez que teñen o escepticismo dos que están de volta e ainda non se arriscaron a viaxar. Parez que son donos da verdade e ainda non pasaron fames nin sedes. Parez que trunfaron en algunha loita terrible, decisiva, e non fixeron mais que fuxir diante dos perigos.(...)

7

Page 8: CASTELAO SEMPRE

Estes son os que din:Eu non sinto a necesidade de falar galego.¡Porque esa necesidade non se sinte no bandullo!Eu atópome ben onde poida vivir con desafogo.!Porque levan a Patria na sola dos zapatos!Eu non creo en ninguén.Porque tampouco cren en si mesmos.Eu renego da política.¡Porque saben que a política da disgustos!Eu ríome dos políticos.¡Porque non toparon a ocasión de lamberlles os pes!Eu non pertenzo a ningún partido.¡Porque non queren comprometer a súa tranquilidade!

Calquera día un destes galegos, que non quer meterse en política pasa de súpeto a ser directivo dunha entidade que defende intereses, e védelo sentado nun banquete, a carón de calquera político inmundo.”

Sempre en Galiza, pp. 9-12

Recomendamos buscar información sobre As cruces de pedra na Galiza e As Cruces de Pedra na Bretaña e do Diario1921.

1.5. Ideólogo:Para traballar este apartado recomendamos ver Unidade 17 de O Ensino da

Lingua: Por un cambio de rumo.

Apartados 2 e 3: Contexto histórico xeral e feitos históricos destacados no Estado español.

Aclarar os termos que presentan máis dificultades, tratando de que sexa o alumnado o que dea a información. Tamén poderían buscar na Gran Enciclopedia Gallega e na Historia da Literatura Galega información sobre Camilo Díaz Baliño e Xaime Quintanilla Martínez.

4. Galiza: crise da economía.

Actividades mínimasProxectaranse as láminas do Álbum Nós que se relacionan e que sintetizan as

cuestións históricas ás que se refire este apartado.

8

Page 9: CASTELAO SEMPRE

- Agricultura:Redención de foros: Lámina 12Trabucos e impostos: Lámina 15Ocaso da fidalguía.Caciquismo: Lámina 18 e Cousas da Vida: Caciques.Agrarismo: Lámina 10 “Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán”

- Crise pesqueira: Lámina 11: “As sardiñas volverían se os gobernos quixesen.” - A emigración multiplícase: Láminas 22, 24 e 32 do Álbum Nós: “En Galiza non se pide nada. Emígrase”.

Para profundizarRecomendamos traballar coas Unidades nº 5, 8, 9, 10, 19 do libro O Ensino da

Língua: por un cámbio de rumo. Tamén a lectura de Sempre en Galiza, pp 134-136:

“A vaca é o símbolo da paz. Val máis o que siñifica unha vaca que o que simboliza un león rampante. Xa o dixo un dos nosos economistas: “O albre xenealóxico dunha vaca de leite é máis útil que o albre xenealóxico dun aristócrata.”(...)

“Os concursos de vacas leiteiras valen máis que os concursos de beleza”.(...)A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dea de comer a unha vaca non ten dereito a muxila.(...)

Na nosa terra danse os millores albres! O día que saibamos o que vale un albre, aquel dia non teremos necesidade de emigrar.(...)

O dia que Galiza sexa nosa, os mariñeiros vivirán na fartura.

Buscar na Gran Enciclopedia Gallega Basilio Álvarez.Lectura de Cousas e COMENTARIOS 1, 2, 3, e 4 propostos nas páxinas seguintes.

5. Galiza: Formulación do nacionalismo galego. Actividades mínimas

Lectura dun fragmento do Manifesto da I Asemblea das Irmandades da Fala celebrada en Lugo:

“Tendo Galiza todas as características esenciais dunha nacionalidade, nós nomeámonos, doxe para sempre ”nacionalistas galegos”, xa que a verba “rexionalismo” non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.”

9

Page 10: CASTELAO SEMPRE

(Sempre en Galiza, p. 291)

“Nación é unha comunidade estable, históricamente formada de idioma, de territorio, de vida económica e de hábitos sicolóxicos reflexados nunha unidade de cultura. Somentes a existencia de todos os siños distintivos en conxunto, pode formar a nación.

¿Ten Galiza un idioma proprio? ¿Ten territorio diferente? ¿Ten hábitos psicolóxicos reflexados nunha cultura autóctona? Pois logo Galiza é unha nacionalidade, e, polo tanto, ningún antifeixista pode negarlle o dereito de autodeterminación; é decir, o dereito a gobernar a súa vida”. (Sempre en Galiza, pp. 39-40)

Para profundizarLámina 44 do Álbum Nós.Lectura de Sempre en Galiza, páxina 46:

“Se o provincialismo foi sustituido polo rexionalismo, gracias aos “precursores” e se a doutrina nacionalista foi xa esbozada por Brañas e Murguía, non hai dúbida de que foron as “Irmandades da Fala” iniciadas por Antón Vilar Ponte, en 1916 as que abriron o novo ciclo de reafirmación galega. As “Irmandades da fala” a “Irmandade Nazonalista” e o Partido Galeguista, marcan as tres evolucións dun mesmo movemento de liberación galega, que se caracterizou pola súa eficacia, tanto no terreo da política coma no da cultura”.

Neste apartado parécenos interesante que localicen na Gran Enciclopedia Gallega a Alfredo Brañas e Manuel Murguía”.

Tamén recomendamos as unidades 18 e 19 do libro O Ensino da Língua por un cámbio de rumo.1916: Irmandades da Fala.

Buscar na Gran Enciclopedia Gallega: Antón Villar Ponte; Antón Losada Diéguez. 1918: Manifesto da I Asemblea (Lugo). Recomendamos a lectura do que é

considerado documento fundacional do nacionalismo, facendo un breve resume dos principais apartados.

1931: Creación do Partido Galeguista: Sempre en Galiza, p. 472I. Galiza, unidade cultural. Afincamento das características de personalidade galega: língoa, arte, esprito.II. Galiza, povo autónomo: Autodeterminación política de Galiza dentro da forma de goberno republicán.10

Page 11: CASTELAO SEMPRE

III. Galiza comunidade cooperativa: A terra para o traballo; o traballo para a terra.IV. Galiza, célula de universalidade: Antiimperialismo, federalismo internacional, pacifismo.

Apartado 6. Galiza: labor cultural: 2º Renacemento

Posta en marcha dun programa galeguizador:

“A esta fala popular, viva e groriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Mais eu perguntaríalles: ¿Dialecto de que idioma? ¿Do que vós chamades español?. De ninguna maneira, porque o idioma que vós impuxéches pola forza é un irmán menor do galego. ¿Acaso queredes decir que é dialecto do latín? Pois entón chamádelle dialecto ao francés, ao italiano, ao rumano, porque tamén son filos do latín e irmáns do galego.

E diríalles máis: Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no esprito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o povo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois uns imperialistas fracasados.

Algúns homes -galegos tamén- andan a falaren dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfeición baixando pola escala zoolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabiduría. Son os mesmos que consideran o mito da Torre de Babel como un castigo, e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, ca súa variedade de culturas, é o siño distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animaes. Velahí vai a demostración: Un can de Turquía oubea igoal que un can de Dinamarca; un cabalo das Pampas arxentinas rincha igoal que un cabalo de Bretaña. ¿E sabedes por que? Porque os probes animais aínda están no idioma universal ...” (Sempre en Galiza, pp. 42-43).

Para profundizar

Recomendamos traballar coas Unidades nº 3 e 4 do libro O Ensino da Língua: por un cámbio de rumo.Buscar na Gran Enciclopedia Gallega Ánxel CasalComentario da introducción da Revista Nós (ver a guía de comentario do libro de Lingua

11

Page 12: CASTELAO SEMPRE

e Literatura 4º ESO, ed. AS-PG/ANT, Unidade 9).Ver tamén os COMENTARIOS nº 9 e 10 das páxinas seguintes.

4. Proposta de lecturas para os diferentes niveis da ESO:

1º ESO:RetrincosCousas (Lectura de algunhas a escoller segundo o nivel do alumnado)Sempre en Galiza, Libro primeiro, capítulo IV

2º ESO:Os vellos non deben de namorarseCousas (Lectura de algunhas a escoller segundo o nivel do alumnado)Sempre en Galiza, Libro primeiro, capítulo IV

3º ESO: Un ollo de vidroSempre en Galiza, Libro primeiro, capítulo III; Libro cuarto, capítulos VI eVII

4º ESO:Os dous de sempreCousas da vida. MulleresEscolma de textos de Sempre en Galiza dos mencionados para os cursos anteriores ou outros diferentes segundo a consideración do profesorado.

Recomendamos dous libros para traballar os textos de Sempre en Galiza:- GARCIA NEGRO/COSTA CASAS. (1995) O Ensino da Língua: por un cámbio de

rumo, AS-PG.- REI ROMEU, ED. (1997) Sempre en Galiza. Antoloxía. Col. A nosa literatura, AS-

PG/ANT.

12

Page 13: CASTELAO SEMPRE

5. Comentario dalgúns textos literarios que aparecen na representación teatral

Cousas, 1934

COMENTARIO 1. “Chámanlle a marquesiña”- Presentación do personaxe: ¿Quen é a marquesiña? ¿Que sabemos dela?- Sinala todas as repeticións que aparecen no texto. ¿Cales son? ¿Que cres que

pretendeu o autor ao empregalas?- A pesar da concisión do texto, podemos intuir moitos temas relacionados coa

historia, de seguido propóñense algúns, tenta xustificalos con elementos do texto, despois completa ti a lista de temas posibles.

- Condición social da protagonista.- Situación da muller na época.- Explotación.- Pobreza.- ...- ¿Por que pensas que a chaman a marquesiña? ¿Que recurso estilístico emprega

o autor neste alcume?- Inventa unha historia que explique o porqué da situación da marquesiña.- Como actividade complementaria a este texto proponse a lectura de “Na morte

de Estreliña” de Rafael Dieste (incluido en Dos Arquivos do Trasno); unha vez lido cómparense os dous textos nas súas similitudes e diferencias.

- Téñanse en conta tamén as suxestións para o comentario deste texto que aparecen en: MATO, PALLARÉS, SALINAS. (1988) Literatura do século XX, ed. Vía Láctea. (p. 30)

COMENTARIO 2. “Chegou das Américas”- ¿Quen chega das Américas? ¿Que ten de especial?- ¿Por que aparece Panchito relacionado cunha mona, un papagaio, un

fonógrafo...?- ¿Como aparece descrito Panchito? Busca no texto todos os datos que o autor

inclúe sobre el.- Dous temas son os centrais deste texto: A emigración e o nacionalismo. Define

ámbolos dous termos e tenta explicar coas túas palabras cal é a postura do 13

Page 14: CASTELAO SEMPRE

autor sobre eles.- ¿Que outros temas aparecen no relato?

En Sempre en Galiza, p. 41, Castelao di:“Fai moito tempo escrebin un conto. Érase un “habanero” que trouxo un rapaciño

negro, como podía traer un papagaio ou un fonógrafo... O “habanero” morreu, e o negro chegou a mozo, e sinteu, como calisquera galego, a necesidade de percorrer mundos. I emigrou a Cuba; pero a morriña non-o deixaba vivir alí. E farto de chorar voltou â súa terra. Non traía cartos; pero traía un traxe novo, un baúl valeiro e moita ledicia no corazón. Aquel negro era galego.”

- ¿Que significa ser galego?- Téñanse en conta tamén as suxestións para o comentario deste texto que

aparecen en: GARCIA NEGRO, COSTA. (1995) O ensino da Língua: por un cámbio de rumo, AS-PG. (pp. 213-217)

COMENTARIO 3. “Se eu fose autor”- ¿Quen son os protagonistas dos dous lances desta peza? ¿Por que cres que

Castelao escolleu estes e non outros?- ¿Como sería a escenografía da obra?- Ao presenciar a hipotética obra teatral, o público responderá de diferente xeito

segundo o lance e segundo a súa ubicación no teatro, ¿por que?- ¿Cres que é posible representar esta peza? Xustifica a túa resposta.- A peza en dous lances ten un marcado carácter social. ¿Por que? ¿Que é o que

preocupa a Castelao?- Castelao escribiu unha obra teatral, Os vellos non deben de namorase. Le o

prólogo e as indicacións finais da mesma. ¿Cal é a proposta teatral de Castelao? Xustifica a túa resposta.

- Agora é o momento de que ti demostres a túa valía como autor/a teatral. Sobre o texto de Cousas escribe unha obra teatral que poida ser representada (podédelo facer en grupos e chegar a realizar unha representación para os vosos campañeiros e compañeiras).

COMENTARIO 4. “O pai de Migueliño”- Presentación do personaxe: ¿Quen é Migueliño? ¿Que sabemos del?

14

Page 15: CASTELAO SEMPRE

- ¿Quen son os americanos que aparecen no texto?- ¿Como pensa Migueliño que é o seu pai?- ¿Como é en realidade?- Le agora en voz alta a quinta parte do poema de Rosalía “Pra Habana!”,

pertencente a Follas novas. ¿Ten algunha relación coa historia de Migueliño? ¿Quen son as viúvas de vivos?

- Como xa sabes o tema deste texto é a emigración e as consecuencias desta na familia. Busca datos sobre a emigración nos principios do século XX, podes tamén preguntar aos teus avós ou a persoas maiores que viviran esta experiencia.

- Sobre este texto, intenta agora elaborar un guión cinematográfico para unhacurtametraxe, se dispoñedes de vídeo no centro mesmo podedes intentar gravalo.

- Téñanse en conta tamén as suxestións para o comentario deste texto que aparecen en: BARÁ, LOURENZO. (1996), Lingua galega e Literatura 3. A narración, ed. Xerais.(p. 45)

ACTIVIDADES DE SÍNTESE SOBRE AS COUSAS:

1. Partindo dos textos comentados na clase tenta agora respostar as seguintes cuestións: ¿Que son as cousas? ¿Que tipo de xénero narrativo constitúen? ¿Que innovacións presentan dentro do panorama narrativo da época?

2. Características das Cousas:a.b.c.d.

3. Tipo de narrador que presentan estes relatos.4. Os protagonistas de tres das Cousas que traballache son nenos. ¿Por que pensas que

Castelao os emprega como protagonistas dos relatos? ¿Que visión da infancia podemos deducir a partir destes textos?

5. As Cousas presentan unha clara mensaxe de contido social, resume os temas que ti pensas que máis lle preocupan a Castelao neles.

Retrincos, 1934

15

Page 16: CASTELAO SEMPRE

COMENTARIO 5. “O segredo”- Le atentamente o texto e busca no diccionario aquelas palabras que non

coñezas.- ¿Cando sucedeu esta historia?- ¿Onde sucede o relato?- ¿Quen é o narrador do relato? ¿Cal é a diferencia entre narrador e autor?- ¿En que persoa está contada a historia? ¿Como o sabes? ¿Por que cres que o

autor elixiu esta persoa?- Estructura do relato: Presentación, nó e desenlace.- Personaxes principais e secundarios e a súa función dentro do relato.- No conto o medo do protagonista ten unha gran importancia. ¿Que técnicas

emprega o autor para expresar este sentimento? Busca todas as referencias do relato sobre este tema.

- Neste texto a adxectivación adquire un papel moi importante. Suliña todos os adxetivos que atopes e tenta facer un cadro clasificatorio dos mesmos

segundo caractericen aos personaxes ou aos lugares e segundo posúan connotacións positivas ou negativas.

- O rapaz protagonista deste relato débese enfrontar a unha “proba” que deberá superar para converterse en adulto, ¿cal é esta proba?

- En moitas sociedades primitivas ( tamén nas desenvolvidas baixo formas menos aparentes) os adolescentes debían superar unha ou varias probas iniciáticas para atinxir o estatuto de adulto. Busca nunha Enciclopedia exemplos que ilustren esta afirmación.

- Outro tema que aparece no texto é a emigración. Galiza e Arxentina presentan consideracións moi diferentes. Busca todas as referencias do texto a ambos os dous lugares, despois analízaas. ¿Como aparece descrito cada un destes lugares? ¿Por que?

- A presencia da morte deixará pegada no protagonista do relato así como no propio autor. Coa axuda do/a profesor/a busca outros textos de Castelao onde apareza tratado o tema da morte. Non esquezas consultar a obra gráfica.

COMENTARIO 6. “O retrato”- Le atentamente o texto e busca no diccionario aquelas palabras que non

coñezas.- ¿Quen é o narrador do relato?¿En que persoa está contada a historia?¿Como o

sabes?16

Page 17: CASTELAO SEMPRE

- Estructura do relato: Presentación, nó e desenlace.- ¿Cal é o tema central do relato?- Personaxes principais e secundarios e a súa función dentro do relato.- ¿Cando sucedeu esta historia?- ¿Sabemos onde sucede o relato?- Neste conto aparece a relación que se establece entre a vida e a arte, e entre o

real e o idealizado. Xustifica esta afirmación.- Gustave Flaubert na súa obra L=Éducation sentimentale narra un feito moi

similar ao do retrato. Le o texto de Flaubert (pódese localizar en CARVALHO CALERO, R. (1989) Escritos sobre Castelao, ed. Sotelo blanco, páx. 214-215) e tenta establecer as correspondencias entre ambos os dous relatos.

- Le agora o Retrinco “Peito de lobo”. ¿Atopas algunha similitude con este relato? Sinala as semellanzas e as diferencias topadas entre os dous.

- Escribe agora ti un conto en primeira persoa onde o tema sexa as relacións entre o real e o imaxinado.

COMENTARIO 7. “Sabela”- Le atentamente o texto e busca no diccionario aquelas palabras que non

coñezas.- Establece o narrador e o punto de vista do relato.- ¿Cal é a estructura do mesmo?- ¿Cal é tema do conto? Xustifica a túa resposta.- Personaxes principais e personaxes secundarios.- ¿Quen é Sabela? ¿Como aparece descrita no texto? Busca todas as referencias

que aparezan en relación a este personaxe.- No conto dáse unha oposición entre as traxectorias do estudiante e de Sabela.

Anota todas as referencias ás mesmas que atopes:- Traxectoria do estudiante:

.

.

.- Traxectoria de Sabela:- .- .- .- ¿Cal é a conclusión do relato? ¿Como afecta aos protagonistas do mesmo?

17

Page 18: CASTELAO SEMPRE

- Este conto fai refencia a dous tempos diferentes. ¿Cales? ¿Por que?- No texto faise referencia ás festas populares, investiga como se celebraban nesa

época, quen asistía, como eran, como se bailaba, etc. Compara agora toda a información recollida coas diversións de hoxe.

- Como tema transversal do relato podémonos achegar á situación da muller naquela época. Busca referencias no texto e recaba información ao respecto. Compara esta situación coa de hoxe. ¿Cales son as diferencias?

ACTIVIDADES DE SÍNTESE SOBRE OS RETRINCOS:- Unha vez lidos os contos de Retrincos imos reflexionar sobre o conto como

xénero literario:a) Establece as características formais: narrador, punto de vista, estructura,

tempo, lugar, personaxes, temática, etc.b) conto popular e conto literario.c) conto popular galego.d) conto literario na nosa literatura.

- Recomendamos a “Introducción” de Luís Alonso Girgado á súa Antoloxía do conto galego. Século XX, ed. Galaxia. Asimesmo, pódense ler outros contos incluídos nesta edición de autores como Blanco Amor, Dieste ou Fole.

COMENTARIO 8. Un ollo de vidro, 1922- Resume brevemente a obra que ves de ler.- narrador e o punto de vista: ¿Quen narra a historia? ¿Cantos narradores hai?

¿Cales son as súas funcións?- Estructura do relato. Segundo o profesor Carvalho Calero esta historia pódese

dividir en tres partes: Prólogo, logos (as Memorias propiamente) e epílogo. Sinala no texto cada unha desta partes. Fíxate na relación de cada unha delas co/s narrador/es sinalados no apartado anterior.

- recurso do manuscrito achado é bastante común en literatura. Busca outros exemplos que utilicen este mesmo artificio.

- esqueleto refire as súas vivencias en primeira persoa, mais nas súas memorias aparecen tamén outras voces, pois inclúe os seus diálogos con outros personaxes. Sinala quen son estes personaxes.

- Fíxate agora na actitude do narrador cara a estes personaxes. Sinala cales lle 18

Page 19: CASTELAO SEMPRE

resultan antipáticos e por cales sente piedade. Tenta dar unha explicación a esta actitude.

- Sinala as ideas máis importantes do pensamento do esqueleto:1. 2.3. 4.5.- Temporalización da obra: Diferencia os tempos do prólogo e o epílogo e o das

memorias, tendo en conta que estas indican unha reconstrucción do pasado.- Espacio: A obra desenvólvese fundamentalmente nun cimeterio de cidade onde

se atopa o esquelete, pero non é o único lugar onde suceden os feitos, localiza outros espacios na obra.

- Busca na obra referencias aos seguintes temas:- Agrarismo.- República e centralismo.- Clases sociais.- Caciquismo.- A lingua.- A emigración.- A muller.- A terra e a paisaxe.- ¿Que visión pensas que nos quere dar sobre médicos, enterradores e

cemiterios?- Esta obra leuna Castelao por vez primeira en 1920 como parte dunha

conferencia sobre humorismo e caricatura. É claro que o humorismo forma parte esencial do relato, busca no texto referencias humorísticas, é aconsellable que consultes biblliografía sobre a opinión do autor sobre este tema, deben tamén consultar a obra gráfica, por exemplo, a serie Cousas da vida.

- ¿Como entende Castealo que debe ser o humor galego?- A vida de ultratumba é un tema recorrente en literatura. Busca coa axuda do teu

profesor/a outros exemplos. Nós propoñémoste dous textos de dous compañeiros de xeración de Castelao:

- RISCO, V. 1919, Do caso que lle aconteceu ao Doutor alveiros

- OTERO PEDRAYO, R. 1928, O purgatorio de Don Ramiro

- Propoñemos, tamén, que leas o epílogo de Os vellos non deben de namorarse, 19

Page 20: CASTELAO SEMPRE

que aparece representado na obra teatral Castelao sempre. Partindo deste epílogo, tenta reconstruir as historias de don Saturio, don Ramón e don Fuco, ¿Cal foi a causa da súa morte?

- Escribe ti agora un relato humorístico sobre a morte.

COMENTARIO 9. Os dous de sempre, 1934Na obra de teatro Castealo sempre aparecen os protagonistas de Os dous de

sempre, polo que recomendamos a lectura desta novela. Un traballo sobre a obra en xeral debería incluír:

- Breve resume da novela.- Explicación do título.- Estructura da novela.- Significación dos personaxes principais.- Oposición Pedro-Rañolas.- Narrador e punto de vista.- Temas: A pobreza, a emigración, o caciquismo, a relixiosidade, a burocracia, a

búsqueda da felicidade, etc.De non ser posible a lectura completa da obra propoñemos unha selección de

capítulos: III, XI, XVII, XIX, XXIV, XXX, XLIII e XLIV. Con esta mostra tentamos que o alumnado teña unha idea aproximada da novela e pensamos que se poden empregar as cuestións xerais propostas para o comentario global destes capítulos. Como mostra dun comentario posible dun capítulo seleccionamos o n1 III e propoñemos as seguintes cuestións:

- Estructura do capítulo, non esquecendo comentar o título do mesmo.- Narrador e punto de vista.- Presentación dos dous de sempre.- Características dos personaxes.

COMENTARIO 10. Os vellos non deben de namorarse, 1944Propoñemos a lectura da obra completa, senón é posible, entón pódese facer a

lectura dramatizada dalgún dos lances.- ¿Que é unha acotación? Fíxate nas que aparecen na obra (ou no lance). ¿A que

fan referencia? ¿Cal é a súa función?- O lance aparece dividido en escenas. ¿Cando se produce un cambio de escena? - Nalgunhas obras teatrais aparecen cancións, danzas, música e outros elementos

20

Page 21: CASTELAO SEMPRE

artísticos. Fíxate nos que aparecen neste lance, ¿cal é a súa función?- Nas “Indicacións” o autor di: “Esta é unha obra maxinada por un pintor e non

por un literato”. ¿Que cres que quixo dicir? Busca exemplos no texto que xustifiquen esta afirmación.

- No xénero dramático non hai un narrador, senón que son os propios personaxes os que se expresan diante dos espectadores. ¿Que sabemos dos personaxes a traves dos diálogos?

- ¿Cales pensas que son os temas principais da obra?- Se les a obra completa compara a estructura e os personaxes dos tres lances.- Analiza as motivacións das personaxes femininas da obra. - Téñanse en conta tamén as suxestións para o comentario que aparecen nas

Guías de Lectura de Os vellos... de:

DÍAZ PINHEIRO, M.J. (1992), Ed. Do cumio.GONZÁLEZ/MANSO/SALINAS. (1992) Ed. Bahia.

6. Avaliación

A. Indivivual.Cremos conveniente que os rapaces asistan á representación teatral provistos

dunha ficha de traballo (ANEXO 2) para cubrir unha vez rematada a obra. Asi, a máis de prestar atención ao que se vai desenvolver no escenario, repasarán os contidos traballados na aula e reflexionarán sobre os procedementos dramáticos non textuais empregados na representación. A ficha pode traballarse de varias maneiras, a nosa proposta é recollerlla ao seguinte día da asistencia ao teatro e cuantificala como unha actividade máis da aula de lingua galega e literatura. Tamén se pode utilizar para a avaliación do grupo, neste caso poñeranse en común as respostas aportadas polos alumnos e alumnas na primeira parte da actividade.

B. Do grupo.Recoméndase adicar unha sesión inmediatamente posterior á actividade para, ao

mesmo tempo que se entrega a ficha realizada polos alumnos para a súa avaliación polo profesor/a, poñer en común os aspectos máis salientables da experiencia. A nosa proposta para esta sesión é a seguinte:

21

Page 22: CASTELAO SEMPRE

1. Posta en común dalgúns dos aspectos da ficha individual que o profesor/a considere máis interesantes.2. Avaliación dos coñecementos adquiridos durante a sesión previa e a representación teatral:

a) ¿Cales son os temas recorrentes na obra de Castelao?b) ¿Sobre cales dos temas mencionados cres que estás agora máis sensibilizado/a?c) ¿Hai algún dos temas traballados que pensas que aínda está de actualidade?

¿Cal/es? ¿Por que? Xustifica a túa resposta.d) ¿Variou a túa opinión do autor despois de ver a obra? ¿Como? ¿Por que?

3. Traballo sobre o poema “Na morte de Castelao” de Ramón Cabanillas.A. Contido: Aspectos da vida de Castelao que se mencionan no poema:

- Irmandades da Fala.- O nome de Daniel.- O lugar de nacemento e morte.- Mencións ás súas obras.- Causas da morte de Castelao.

B. Aspectos estilísticos:- Métrica.- Un dos recursos máis utilizado neste texto é a personificación. Busca todos os

exemplos do texto e explica a súa función poética.- Sinala as metáforas empregadas no texto.- Cabanillas inclúe a expresión “a nosa prenda” (verso 25). Explica o valor

afectivo - da mesma.- Fíxate no verso 30. ¿A que ou quen se fai referencia? ¿Por que Cabanillas escolle

esta referencia literaria e non outra?C. Xénero literario.- Aproveitar a ocasión para explicar ou recordar que é unha elexía e relacionala

con outros xéneros como o pranto. Pódeselles mandar buscar máis exemplos de elexías e comentalos na aula.

Téñase tamén en conta o comentario que sobre este poema se inclúe no libro de Lingua de 3º de ESO, ed. AS-PG/ANT, páx. 110-111.

C. Da proposta de actividades.22

Page 23: CASTELAO SEMPRE

Unha vez rematada esta unidade consideramos importante saber os resultados que do traballo coa mesma acadastes, así como as dificultades que atopastes para o seu desenvolvemento na aula. Interésannos moito as vosas opinións polo que pedimos a vosa colaboración e solicitamos nos enviedes as vosas suxestións para mellorar este traballo.

23

Page 24: CASTELAO SEMPRE

ANEXO 1. Guía para desenvolver o tema

1.Daniel Castelao ( ) 1.1 Obra narrativa:

---

1.2 Obra gráfica:---

1.3 Autor teatral-

1.4 Obra ensaística - 1.5 Ideólogo2.Contexto histórico xeral Revolución do 17 Nazismo e Fascismo II Guerra mundial3.Feitos históricos destacados no estado español 1931:.................................... 1936:.................................... 1939-1975:...........................4.Galiza:crise da economía Agricultura:

redención de forostrabucos e impostosocaso da fidalguíaagrarismo

Crise pesqueira Incremento da emigración5.Galiza: Formulación do nacionalismo galego 1916: Irmandades da Fala. 1918: Manifesto da I Asemblea (Lugo)

24

Page 25: CASTELAO SEMPRE

1931:Creación do Partido Galeguista Representación no Parlamento 1936:Aprobación do plebiscito do Estatuto ---------------------------------------------6. Galiza: labor cultural: 2º Renacemento Poñen en marcha un programa galeguizador Crean editoriais: Nós, Lar Coleccións de novela curta: Lar, Céltiga O Grupo Nós Cultivan xéneros novos Recréase a historia de Galiza

25

Page 26: CASTELAO SEMPRE

ANEXO 2.- Ficha de traballo sobre a representación teatral.

1. ¿Que personaxe acompaña ao protagonista ao longo da representación?

2. ¿Que outros personaxes aparecen na obra? ¿Como son? Descríbeos.

3. ¿De cal dos personaxes gostache máis? ¿Por que?

4. Na obra aparecen uns esqueletos. ¿Que representan? ¿Con que os podes relacionar?

5. Enumera os diferentes temas que aparecen ao longo da representación.

6. ¿Que significa o termo “asasinado” que se menciona na obra? ¿A que feito histórico fai referencia?

7. Nos aspectos escenográficos, ¿que foi o que máis chamou a túa atención? ¿Por que?

8. Unha obra teatral consta de diálogos e acotacións. Ti vés de presenciar os diálogos, tenta inventar algunha acotación, por exemplo, da escena que mencionas no apartado 7.

9. Resume en dez liñas a importancia da figura de Castelao para a nosa cultura.

10. Opinión persoal: Valora a representación que vés de presenciar no seu conxunto (aspectos textuais, escenográficos, actorais, etc.)

26

Page 27: CASTELAO SEMPRE

ANEXO III.- CRONOLOXÍA. Datas que se mencionan na obra, seguindo a orde de aparición.

- 1886: Nace en Rianxo- 1895: Coa súa nai emigra á “rxentina onde xa estaba seu pai.- 1900: Retorna a Galiza coa familia.Trasládase a Santiago a estudiar, primeiro o bacharelato

e logo medicina.- 1908: Expón no Salón de Humoristas de Madrid. Colabora na ilustración de varias revistas .- 1909: Licénciase en medicina.- 1910: Volta a Rianxo, onde exerce a medicina. Funda con Eduardo Dieste e Rei Baltar “El

Barbero Municipal”, periódico anticaciquil.- 1911: Pronuncia a conferencia "Algo acerca de la caricatura"- 1912: Casa en A Estrada con Virxinia. En 1913 nace o seu único fillo.- 1914: Comezan os seus problemas de visión; ten desprendemento de retina. Deixa a

medicina e aproba a oposición a unha praza de auxiliar de estatística no 1915.- 1916: Adhírese ás Irmandades da Fala. Vai colaborar en A Nosa Terra- 1918: Participa na I Asemblea das Irmandades en Lugo e suscribe o manifesto.- 1920: Créase a Revista Nós da que el vai ser director artístico.- 1921: Viaxe de estudios por Francia, Países Baixos e Alemaña.- 1929: Viaxe a Bretaña cunha bolsa da "Junta de ampliación de estudios"- 1931: Proclámase a II República. Sae elixido deputado para as Cortes Constituíntes. Defende

a lingua galega no Parlamento. Créase o Partido Galeguista e ingresa nel.- 1933: Segundas eleccións da República. Comeza o Bienio Negro. Castelao é desterrado a

Badajoz. - 1935: Fin do desterro. Volta a Pontevedra.- 1936: Victoria da Frente Popular. Apróbase en plebiscito o Estatuto de autonomía que é

entregado no Parlamento. Insurrección fascista- 1938: Consegue que se retome a tramitación parlamentaria do Estatuto de Autonomía na

sesión celebrada en febreiro en Montserrat. Intenso labor de apoio e defensa da causa republicana, participa na creación da revista Nova Galiza. Viaxa como embaixador da República por Europa e América.

- 1940: Establece a súa residencia definitiva en Bos Aires, onde é recibido como un heroe nacional e onde seguirá desenvolvendo o seu labor político.

- 1944: Créase o Consello de Galiza.- 1946: É nomeado ministro sen carteira do Goberno da República no exilio, polo que traslada

27

Page 28: CASTELAO SEMPRE

a súa residencia a París.- 1947: Volta, na compañía da súa dona a Bos Aires.- 1950: Morre o 7 de xaneiro e é enterrado no Panteón que o Centro Galego posúe no

cemiterio da Chacarita.

BIBLIOGRAFÍA:

- A.A.V.V. Gran Enciclopedia Gallega, Silverio Cañada Ed. Xixón 1974.- A.A.V.V. Historia da Literatura Galega, ed. ASPG/ANT, Vigo 1996. (Tomos 2 e 3)- A.A.V.V. Literatura Galega 3º BUP, Ed. Anaya, Madrid 1991. (Tema 10)- A.A.V.V. Literatura Galega 3º BUP, Ed, Xerais, Vigo 1991. (Unidade 11)- A.A.V.V. Literatura Galega 4º de ESO, Ed. ASPG/ANT, Vigo 1996 (Temas 8,9 e 10)- A.A.V.V. Actas do Congreso Castelao, Tomo 2, Universidade de Santiago, 1989- A.A.V.V. Actas do Simposio "Castelao na Galiza do século XX", AS-PG -

Departamento de Filoloxías Francesa e Galego-Portuguesa, A Coruña 2.000.- ALONSO FERNÁNDEZ, B. “Idade Contemporánea, século XX” in Historia Xeral de

Galicia, Ed. ANT, Vigo 1997. - BARÁ, L.; LOURENZO, M. Lingua galega e Literatura 3. A narración, ed. Xerais,

Vigo 1996.- CARBALLO CALERO, R. Historia da Literatura Galega Contemporánea, ed.

Galaxia, Vigo 1981.- CARBALLO CALERO, R. Libros e autores galegos, século XX, Fundación

Barrie/RAG, A Coruña, 1982.- CARVALHO CALERO, R. Escritos sobre Castelao, Ed. Sotelo blanco, Barcelona,

1989- CASTELAO, A. Obra completa tomos 1 e 2, Akal ed.- CASTELAO, A. Cousas da vida, ed. Galaxia, Vigo, 1989.- CASTELAO, A. Diario 1921, Ed. Galaxia, Vigo 1977- CASTELAO, A. Álbum Nós. Ed. Galaxia, Vigo 1984.- GARCIA NEGRO, P; COSTA CASAS, X.O ensino da Língua: por un cambio de rumo,

AS-PG, 1995- MONTEAGUDO, H. Ed. De viva voz. Conferencias e discursos, Fundación

Castelao, 1996- REI ROMEU, M. Arte e verdade, Ed. Do Cumio, Pontevedra 1991- SEOANE, L. Castelao artista, Ed. Do Castro, Sada 1984 - VILLARES, R. A Historia, ed. Galaxia, Vigo, 1984 (capítulos IX e X)

28

Page 29: CASTELAO SEMPRE

- Extras de A Nosa Terra, 5, 6, 12 e 14

29